O candidato do Partido Popular á alcaldía de Laxe nas eleccións municipais, José Luis Pérez Añón, saíu ao paso das últimas declaracións realizadas José Manuel Mouzo, e nas que o rexedor aseguraba que necesitaba outros catro anos para levar a cabo o seu proxecto político á fronte do executivo local.

Para o popular, as manifestacións de Mouzo son un “intento de rirse da xente”, despois de que o alcalde se escudara en que o seu partido tivo que dedicar os esforzos a facer fronte ao pago da débeda municipal. “Estaría ben lembrarlle, por si esqueceuse, que os case 3 millóns de euros que Laxe acumulou de débeda son froito da nefasta xestión dos gobernos socialistas”, apuntou o candidato, quen fixo responsable tamén ao propio Mouzo das contas municipais por “formar parte activa” daqueles gobernos como concelleiro de Servizos Sociais e Cultura.

Nesta liña, o popular aproveitou para criticar que, produto da “herdanza socialista”, os veciños de Laxe perderon a oportunidade de mellorar os servizos e as infraestruturas do municipio durante este últimos catro anos. “As palabras do alcalde soan a escusa de mal pagador. Aquí o único certo é que os fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación tivéronse que destinar a pagar a débeda socialista en lugar de financiar outros proxectos”, lamentou Pérez Añón, quen recalcou que a partida que o concello destinou a pagar a débeda ascende a case 800.000 euros.