O candidato do Partido Popular á alcaldía de Carballo, Aurelio Núñez, participou esta semana no debate parroquial. Nel expuxo parte das súas propostas sociais de cara as eleccións municipais do próximo 26 de maio.

Unha das medidas que levará a cabo o Partido Popular será o incremento das axudas ás diferentes entidades sociais de Carballo, entre elas á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (AFABER). Aurelio, coa colaboración da administración provincial, comprométese a conseguir un novo local para AFABER axeitado ás súas necesidades. O candidato conta, ademais, co compromiso da Consellería de Política Social para o financiamento de novas prazas. É consciente de que “necesitan un local máis grande, coas condicións de accesibilidade axeitadas. Entre todos temos que facer posible que AFABER quede en Carballo”.

De todas formas, o compromiso coa labor social das diferentes entidades é xeral: “Cremos que hai déficit de investimento en políticas sociais. É posible axudar doutro xeito e con outras cantidades. Hai posibilidades de aumentar axudas e subvencións a todas estas entidades que desenvolven este tipo de accións pola gran labor que fan. Actualmente son escasas”.

O debate, enmarcado dentro da ‘Semana da familia’, tamén servir para que Aurelio Núñez falase sobre a delicada situación do que para el son “o piar básico do estado de benestar”: “O Partido Popular sempre amosou preocupación pola familia. Presentamos iniciativas con axudas para todo tipo de familias. As numerosas e as monoparentais. Son as que máis precisan a colaboración das administracións. Un dos problemas graves de Galicia é a demografía e hai que aplicar medidas que faciliten o crecemento das familias”.