O Partido Popular de Carballo celebrou onte o seu mitin central nun Pazo da Cultura repleto e coa presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Diante de varios centos de veciñas e veciños, Aurelio Núñez expuxo as liñas mestras do seu proxecto para renovar un concello estancado despois de 16 anos de goberno do BNG. 

Abriu a rolda de intervencións Belén Mato, unha das integrantes da candidatura, recordando o bo traballo do Partido Popular cando estivo gobernando o concello e eloxiando ás compañeiros e compañeiros desta nova etapa: “Un equipo renovado, que mistura a frescura da xuventude coa sabedoría e a experiencia. É a candidatura de Aurelio Núñez, a que todos debemos apoiar porque recolle o mellor de nós. Todos eles teñen a responsabilidade e a ilusión necesaria para esta difícil tarefa”. 

Aurelio Núñez insistiu na necesidade que Carballo ten dun relevo no goberno. Explicou que o BNG acabou acomodándose despois de tantos anos no poder e apuntou que, se o concello quere seguir medrando, é necesaria unha alternativa: “Consideramos que estamos diante dun goberno nacionalista esgotado, aburrido, acomodado e con nula iniciativa. Un goberno que nos últimos oito anos non puxo en marcha nin un só proxecto de envergadura. Carballo merece máis ca isto. É importante que o noso concello volva ser o motor da comarca de Bergantiños”. 

O candidato do PP ten na súa lista de prioridades mellorar as infraestruturas de Carballo. Primeiro, pola necesidade de darlle un pulo ás conexións co resto de concellos da contorna: “Imos expoñer un mapa de infraestruturas a nivel local, pero tamén as que necesitan impulsarse grazas ao investimento do resto de administracións públicas. Imos pedir o que Carballo necesita. Goberne quen goberne en cada unha das administracións. Temos presente unha necesidade básica: necesitamos a estrada de circunvalación. Defendemos a súa construción por fases diante do elevadísimo custo do proxecto íntegro. Os empresarios dos polígonos de Laracha e Carballo demandan unha conexión da autovía da Costa da Morte coa estrada de Santiago”. 

Tamén lamentou que que os problemas de mobilidade afecten ao centro da vila: “As vías urbanas, neste caso de competencia municipal, teñen eivas que non foron resoltas nos 16 anos de goberno do BNG, de goberno de Evencio. Nada máis chegar modificaremos o plan xeral para levar a Vila de Negreira ata a rotonda do polígono de Bértoa, o mesmo que a Rolda Oeste, prolongando as rúas Luis Calvo e Perú ata o propio polígono e A Revolta. Ensancharemos a rúa Emilio González, que une a rotonda da milagrosa coa estrada de Santiago, o que permitirá o enlace sen os graves problemas que xera a súa escasa anchura para os camións que pasan por ela”. 

Segundo o candidato, outro dos inconvintes para desprazarse por Carballo é o deseño do tráfico, “que unicamente provoca caos e atascos”, e a nova limitación de velocidade: “É urxente corrixir a limitación de 30 kilómetros por hora. Ninguén nega que as carballesas e carballeses deben ter garantida a súa seguridade cando pasean polo centro. Que poidan andar tranquilamente sen medo a sufrir un accidente. Outra cousa moi distinta é que a limitación se active nas vías de saída e entrada cara Malpica, A Coruña ou Santiago. Cal é a motivación? Pois recadar, como amosan os orzamentos de 2019, no que a previsión das cantidades ingresadas por multas aumentan un 25 por cento”. 

Non quixo esquecerse o candidato dos problemas que tamén se lle presentan día a día ás carballesas e carballeses que se desprazan a pe. A accesibilidade das beirarrúas e a súa adaptación para as persoas con mobilidade reducida tamén tiveron oco no seu discurso, no que que ademais houbo tempo para o compromiso de aumentar o número de sendas peonís e zonas verdes. 

A outra preocupación principal do Partido Popular de Carballo está sendo a escasa inversión social do goberno nacionalista. Núñez comprometeuse a aumentar as axudas económicas ás entidades sociais nada máis chegar ao concello: “O Partido Popular mira pola xente. As políticas sociais serán outra pata fundamental do noso proxecto. Co BNG no goberno, Carballo recibiu dous anos consecutivos o premio de dubidosa honra ‘Corazón de pedra’, adxudicado pola asociación de xerentes e directivos de servizos sociais aos concellos que menos invisten neste campo”. 

Pero o apoio a organizacións tan importantes para a comarca como APEM, ASPABER, AFABER ou Vieiro irá máis alá do punto de vista orzamentario: “Todas elas están desatendidas desde o concello, tamén no plano administrativo, obrigándoas a pasar por infinidade de trámites burocráticos. Nós estaremos sempre do seu lado, atendendo as súas peticións no día a día. Axudando a AFABER a conseguir un local para o magnífico traballo que desenvolven, ou rehabilitando as antigas vivendas dos mestres na rúa Vázquez de Parga para que poidan servir de sede a estas organizacións ”.  Non se esqueceu de todas as agrupacións deportivas que tanto fan por Carballo, cunha proposta que descansa sobre tres puntos clave: “Duplicar as axudas económicas, reducir ao mínimo a burocracia e incrementar as instalacións deportivas”. 

O candidato popular pechou o seu discurso co compromiso de mellorar a economía e o emprego, centrándose sobre todo no pequeno comercio e a feira, “loitarei desde o primeiro día para que devolverlle o prestixio que tivo e que merece”. Non sen antes despedirse anunciando as facetas innegociables da súa idea de goberno: “Gustaríame que saiades de aquí coa sensación de que o Partido Popular ten un plan para gobernar. Acabouse o tempo da improvisación, do acomodo. Ofrecemos unha xestión municipal baseada na escoita activa, o diálogo, a participación cidadá e o consenso”. 

Unha forma de gobernar, concluíu Aurelio Núñez, global: “Gobernaremos para todos. Darémoslle a mesma importancia ao centro da vila que aos barrios, para os que temos previstos plans de recuperación. Ou a calquera parroquia do concello, para as que crearemos a concellería do rural, que atenderá as súas necesidades día a día”.